O xornal “El País” pecha o blog BOTELLA AO MAR , de Suso de Toro

Imprimir
botella-ao-mar-suso-de-toro

"VOU EMBORA. ADEUS E GRAZAS", así titúlase o último post escrito por Suso de Toro para o portal de "El País" e asinado o día luns 14 de xullo. No mesmo explica "non o cerro eu, o cerra o xornal: desaparecen estes blogs. De maneira que non marcho, bótannos." O espazo de autor levaba por nome "Botella ao Mar" e comezara a escribirse en febreiro de 2014. Tras sinalar que a dirección do xornal "está no seu dereito", deixa no aire posibles razóns políticas: "A liberdade de expresarse libremente ten costes e hai que pagar as facturas".

O artigo fai un resumo reflexivo escrito en primeira persoa do seu pasaxe por El País e o resto da súa andaina polo xornalismo. Afirma: "Sempre discrepei con importantes ideas de fondo da liña ideolóxica do xornal, a concepción da sociedade e da democracia, a idea de España como nación orgánica, tan debedora da 'España invertebrada' de Ortega, e o lugar que se lle asignaba a Galiza. Non esquezo cando a UCD e o PSOE pactaron deixar a Galiza sen autonomía e, perante as enormes mobilizacións cidadás a reclamar autogoberno, este xornal editorializou o de 'manifestación de caciques'. Non eramos reses conducidos por caciques, eramos cidadás que reclamabamos ao estado español a democracia como galegos".
Nesta última incursión no blog, Suso de Toro aproveita para reafirmar as súas posturas ideolóxicas: "hoxe máis que nunca, España é puramente Madrid"; "Tamén temo que Galicia non dea escapado dun verdadeiro cárcere: a idea de que somos un fracaso"; que tras a guerra e a desaparición do Partido Galeguista, o galeguismo "reformulouse dun xeito que chega até hoxe, pasaron anos e décadas e non se pode ocultar que o xeito no que existe hoxe o galeguismo político non ten o recoñecemento da nosa sociedade".Para finalizar sinalando que "Esa debilidade do galeguismo permitiu que fose a dereita españolista e o centralismo en xeral quen construíu as novas institucións nacidas da autonomía".
Remata a súa despedida cunha recomendación: "E non habemos marchar sen ritmo e ruído, árdelle o eixo! "Highway to Hell". O inferno é o lugar onde van os rapaces que se portan mal".