O decreto de Rajoy sobre as exhibicións cinematrográficas nos municipios afecta toda a programación do Val Miñor.

Imprimir

 "Pitufos 2" esta noite no Campo das Redes (Nigrán) e a case totalidade da axenda cinematográfica que comeza a próxima semana en Baiona está afectada polo decreto que prohibe os pases de películas de estreo en salas e vídeo clubs (12 meses de antigüidade) nos ciclos de cines municipais. O novo decreto da administración Rajoy, xa bautizado como "decreto Frankenstein" pola diversidade e disparidade das temáticas das leis recollidas,  chega coas programacións de verán xa elaboradas polas administracións locais, xerando así unha situación de incerteza xurídica e no caso de que o goberno faga valer a nova lei en vigor, un prexuízo económico para as empresas encargadas da montaxe técnica e proxección das películas. Ata esta mañá, ningún dos concellos afectados ten comunicado se a pesar da entrada en vigor do decreto, manterán ou modificarán a carteleira dos ciclos programados.

Como publicáramos onte, os habituais ciclos gratuítos ou a prezo simbólico de proxeccións cinematográficas dos concellos  na rúa non poderán incluír películas dunha antigüidade inferior a 12 meses dende o seu estrea en salas de exhibición. Para facelo deben contar cun permiso das entidades representativas dos exhibidores cinematográficos ou do sector videográfico, no que expresen que non existe un prexuízo na súa actividade comercial.