O Centro Neural de Gondomar acolle unha exposición de óleos de José Luis Valverde “O Soleiro”

Imprimir
soleiro-5
soleiro-1
soleiro-3
  • Anterior
  • 1 of 3
  • Seguinte

O Centro Neural do municipio acolle estes días unha exposición de óleos de José Luis Valverde Fernández “ O Soleiro”. A mostra, composta por 29 óleos, recolle obras elaboradas dende o ano 1968 ata a actualidade, e en todas elas se constata unha exquisita fidelidade á realidade. "O meu primeiro cadro é do ano '66. A pintura sempre foi o meu hobby e agora, cos anos, púidenlle dedicar o tempo necesario. Por iso decidín expoñelos, para compartir o meu traballo con todo o que o desexe," explica o autor.

En moitas das pezas, Soleiro reflicte distintas paisaxes como en A Ramallosa, Ponte de Mañufe ou A Guarda. Noutras, os bodegóns ou natureza morta son os protagonistas; mostra deste xénero son os cadros Néspero, Lareira, Cesto con castañas ou Troques. A exposición tamén inclúe un autorretrato. Soleiro confesa que "cada cadro ten o seu fondo", e engade "algúns foron feitos por encarga, noutros simplemente reflexo o que me gusta".

O Concello de Gondomar colabora na organización desta exposición que permanecerá aberta ata o próximo 20 de xullo, en horario de 18.00 a 21.00 horas os días laborables, e de 11.00 a 14.00 horas sábados e domingos e os vindeiros días 10 e 11 de xullo.

Sobre o autor

Nacido en Mañufe, no 1948, dende moi pequeno sentiu unha grande afección polo mundo da pintura. Con 10 anos xa pintaba a óleo sobre o azulexo, taboleiro e chapas de madeira.

En 1966 ingresa no estudo-obradoiro do pintor San Luis, moi popular en Vigo naqueles tempos. Posteriormente, na mesma cidade, amplía os seus coñecementos no Escola de Artes e Oficios. Ao longo da súa traxectoria artística bebeu de varias fontes pero a súa técnica é fundamentalmente autodidacta.