Chega o “Berra” máis internacional.

Imprimir
berra baiona

O cartel do festival  Berra Baiona! empezou a rular nas redes. Salientan nomes coma a banda neoiorquina  The Toasters, os madrileños Super Skunk , así como  ZamaramandiTerbutalina e Ganjahr family and West Rockers Band. Rock, funk, reggae, e a forza da percusión do Bloquinho de samba Aperta aseguran calidade e moita festa. A posta en escena  será o venres 29 de agosto en Baiona. VM.info falou  con Andrés Bonader, presidente da Asociación Cultural e Deportiva Berra Val Miñor, quen adianta todos os detalles do festival.

VM- Dende cando estades a traballar na procura dos grupos e a montaxe da festa?

Andrés Bonader- Levamos dende comezos de ano barallando e perfilando as ideas que tiñamos para esta edición.

VM- O cartel está pechado?

AB - En canto a bandas si, o temos pechado pero aínda estamos traballando para concretar as actividades paralelas ó festival.

VM- Sabedes xa en que lugar de Baiona terá lugar o festival?

AB- O festival desenrolarase no Parque da Palma de Baiona o 29 de agosto.

VM - Xa tedes os prezos das entradas?

AB- A entrada será gratuíta. Non queremos que os cartos sexan un impedimento para gozar do festival, iso si, animamos a xente a que colabore doutros xeitos, xa sexa mercando  unha camisola do colectivo, consumindo na barra do festival ou con outro tipo de aportacións, de tal maneira que isto poida ter continuidade.

VM- Teñen parcerías ou sponsors que acompañen á organización?

AB- O festival ten o apoio da Concellería de Cultura de Baiona e tamén, algo  importante, moitos comercios locais  do Val Miñor colaboran na edición dunha revista co programa do festival.

VM- Que aspectos salientarían do programa e da festa que ofrecerá o Berra Baiona?

AB- Sempre co colectivo apostamos por ofrecer programas heteroxéneos,  multiculturais e interxeracionais. Trouxemos bandas de distintas partes do mundo, dende Arxentina, México ata Costa Rica, mesturadas con grupos galegos de excepcional calidade e sempre apostando na diversidade de estilos. Este ano visitarannos The Toasters, unha banda de Nova Iorque con máis de 30 anos de historia. Tamén os nostálxicos poderán escoitar o funk rock de Super Skunk, grupo madrileño que pegou moi forte a finais dos noventa. Terbutalina será o grupo que outorgue o toque irreverente o festival, unha banda moi divertida en directo. Ganjahr family and West Rockers Band xogaran na casa despois de recorrer o estado e parte de latinoamérica coa súa música.  Zamaramandi serán os encargados de abrir o festival co seu elegantísimo reggae roots. Todo isto acompañado do alegre espectáculo de percusión do Bloquinho de samba Aperta e algunha que outra sorpresiña aínda por anunciar. En conclusión, vai ser un festival moi completo e organizado con moito agarimo.