Arte e literatura conxúganse na apertura das exposicións da Capitanía Marítima de Baiona.

Imprimir
gerardo collazo 2

O pintor e escritor Gerardo Collazo Vilar e o escultor Santiago Vaz Varela abrirán este ano o ciclo de exposicións que acollerá a Capitanía Marítima de Baiona. Cada ano, nos meses de xullo e agosto, este espazo tínguese coas cores dos centos de artistas que pasan pola sala. As obras de ambos autores estarán expostas desde este mércores 2 ata o día 15 de xullo. Ademais, o venres día 11, Gerardo Collazo Vilar presentará a súa novela El Amanecer de los Justos. Primera parte: Humanidad en este mesmo espazo, ás 20:30, de volta de asinar exemplares na Feira do Libro de Madrid o pasado xoves día 12 de xuño.


No que respecta á pintura trátase dun conxunto de obras onde reinan as cores vivas e as formas surrealistas, desenvolvendo nunha concepción figurativa a mensaxe de cada cadro. Temas como a memoria, a tolemia ou o tempo contrastan coa aparencia colorida e despreocupada das composicións. Segundo o autor nunca se deixou influír por ningún pintor, posto que o seu maior influencia pictórica ao longo de toda a súa vida foron os debuxos animados. Con respecto á escultura Santiago Vaz, formado na Escola de Arte Mestre Mateo, ofrece unha incrible mostra da súa visión nunha serie de figuras en madeira cheas de sentimento e humanismo, dotando aos materiais de calidades cárnicas para expresas anhelos, frustracións, desesperación, ilusión e outros moitos sentimentos, ademais dunha serie de esculturas en marmolina orientadas ao erotismo. A atmosfera que consegue o contraste creado polo conxunto de ambas obras promete un inicio moi agradable para este verán de arte en Baiona.