#Nigrán: A exposición de Libros Escolares Antigos pecha as súas portas con máis de 500 visitas

Imprimir

-Figuras como os escritores Bieito Ledo e Xosé Neira Vilas ofreceron ademais dúas concorridas charlas a escolares de Nigrán.
A I Andaina Escolar Exposición de Libros Escolares Antigos pechou onte as súas portas con máis de 500 visitas, "un éxito de afluencia sen precedentes que estamos convencidos repetirase nas próximas edicións", sinala o rexedor municipal Alberto Valverde.

A mostra, composta por máis de 300 exemplares orixinais dos anos 20, 30, 40, 50 e 60 do século XX, cortesía un ano máis do bibliófilo Francisco Vidal, foi deseñada polo goberno municipal co dobre obxectivo de dinamizar a cultura e o hábito de lectura entre todos os membros da casa, pero de forma especial entre os máis pequenos, "achegando aos nenos e nenas de Nigrán a riqueza e o valor dos libros e da lectura", engade.
Os visitantes realizaron unha viaxe ao pasado, á súa infancia, á dos seus pais ou á dos seus avós, atopando libros de temática moi variada, cadernos RAIA, exemplares de libros de texto de gramática e aritmética da editorial Luís Vives, diferentes versións do clásico da literatura universal El Quijote, as clásicas enciclopedias Álvarez, catones metódicos e o clásico catón galego dos anos 60 asinado por Ben Cho Sey, literatura infantil, cómics e álbums coleccionables da época, os Contos de Quella, atlas, manuscritos ou libros de caligrafía, entre outras moitas xoias.
No contexto da exposición, o goberno municipal coordinou a celebración de dúas charlas protagonizadas por dúas figuras crave da literatura galega, o escritor e editor Bieito Ledo e o recoñecido literato, Xosé Neira Vilas, nas que compartiron os seus coñecementos e experiencias profesionais con alumnos de primaria de diversos centros de Nigrán.