Coloquio no IEM sobre as “casas de indianos” no Val Miñor, Vigo e contorna a cargo de José R. Iglesias Veiga

Imprimir
villa-america-Gondomar
arquitectura-e-indianos
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

A presenza das chamadas “casas de indianos” na bisbarra do Val Miñor é abondosa. As diversas construcións que foran desenvolvida entre finais do século XIX e principios do XX polos emigrados a América, son agora patrimonio arquitectónico dedicado a actividades tan diversas como centros de ensino, industria, relixión, vivenda, ornamentación pública, así como morada final nos cemiterios. Nembargante, o profesor José Ramón Iglesias Veiga, advirte que o emprego do termo “arquitectura indiana”, para denominar  á edificación promovida polos emigrados retornados cun certo grado d e riqueza “non responde á realidade dun estilo singular e diferenciado, nin a tipoloxías importadas con características propias, nin tan sequera ao emprego de vocábulos dunha linguaxe peculiar de procedencia americana”.

As súas afirmacións están contidas no seu recente libro Arquitectura e indianos na cidade de Vigo e bisbarra, que presentará este venres 31 de maio ás 20:30h na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar), sede do Instituto de Estudos Miñoranos. Unha obra que achega un importante estudo da pegada deste tipo de construcións no proceso de urbanización de Vigo e contorna, na que destaca o estudo de proxectos e diversas construcións asentadas nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Neste coloquio, se analizarán algunhas das construcións e casas máis senlleiras desta etapa na bisbarra, á luz da teoría de Iglesias Veiga, que sinala o carácter ecléctico das mesmas, confluencia de estilos ligados ao “historicismo, eclecticismo, modernismo, pintoresco e art déco, nados con gran éxito no continente europeo” e emulados nos países americanos e despois “aceptados ou solicitados polo indiano”.

Un capítulo importante será o análise do proxecto do miñorano Manuel L. Lemos (Mallón - Nigrán, 1875)na creación dunha zona residencial en Lourido que provocará entre outros cambios o troque do seu topónimo por praia América. Algunhas pezas arquitectónicas como a Capela da Virxe do Carme (Monte Lourido – 1932), a casa de veraneo para Víctor Bouzó Fernández (Nigrán – 1932), o proxecto de chalé para Latino Salgueiro en San Xoán de Panxón (1934), ou a casa para Gil Torre na devandita zona residencial, atópanse entre as obras incluídas no libro.

O estudo de Iglesias Veiga tamén abrangue proxectos como as escolas en Baiona, Nigrán e Gondomar, as casas rurais nos tres concellos do Miñor, e obras de arquitectura funeraria. O coloquio será presentado polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso.