Cándido Pazó : "a festa ten que facela a xente... ou pouco carnaval será"

Imprimir
candido pazo

"Pregoar o entroido (ou intruido, como diciamos nos arredores de Vigo) convidado por unha institución ten un algo de contrasentido". Así responde o polifacético actor e creador Cándido Pazó, ante a consulta de Valminor.info sobre a súa próxima presenza como pregoeiro no Entroido de Gondomar. "O carnaval naceu como unha celebración antiinstitucional, unha ocasión para finxir ser o que non se era e así poder dicir o que non se dicía. Ou simplemente divertirse, en tempos nos que a diversión era considerada case subversiva", sinala o popular animador

."Só hai que pensar na raíz da palabra diversión: ir por onde non se vai. Pero coa chegada da democracia as institucións, especialmente as municipais, quixeron abrazar esta e outras moitas manifestacións populares." Agrega que a " intención era boa, as institucións querían ser populares. Pero o carnaval morrería, ou morrerá na súa esencia profunda e contestataria, se se limita a unha celebración pautada e organizada".

" Así que eu vou a pregoar, por min que non quede, pero a festa ten que facela a xente... ou pouco carnaval será", reflexionou o actor.