Nigrán presenta o seu calendario de actividades de cara ao Día das Letras Galegas 2011.

Imprimir
O poeta e escritor Lois Pereiro homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011.

Co obxectivo de "encher de palabras os próximos meses ata chegar ao Día das Letras Galegas", o concelleiro de Cultura Juan González anunciou un calendario de actividades a desenvolver no concello de Nigrán dende o próximo xoves 17 de febreiro. O municipio organizará unha serie de conferencias, presentacións de libros, homenaxes e obras de teatro onde autores relacionados con Nigrán e con obras que centran a súa temática neste concello falarán das mesmas e do que Nigrán significa e significou na súa traxectoria.

De este xeito o vindeiro xoves 17 de febreiro iniciaranse estas charlas na Biblioteca Municipal de Nigrán dende as 19 horas co escritor e historiador Xoan Bernárdez Vilar e o seu libro “O Home de Vilamean” anatomía da Revolución Irmandiña, sendo Nigrán e o Val Miñor o eixo da trama.

O 17 de marzo tamén dende as 19,00 horas no Centro da 3ª Idade de A Ramallosa, Alfonso Álvarez Cáccamo falará do seu libro “O Eco de Ramallón” . Nesta obra o autor ofrece un conxunto de relatos nos que "é quen de ironizar e ironizarse fuxindo do transcendentalismo intelectual, unha literatura divertida, en que Álvarez Cáccamo fai unha desapiadada caricatura da sociedade" informa o programa.

Finalmente o 28 de abril na sede da Asociación de Veciños “Monteferro” de Panxón os irmáns Xosé Manuel e Ramón Trigo presentarán a súa obra “O Burato do Inferno”, no que os protagonistas son "raqueiros asaltantes de buques que antes fixeran naufragar na ribeira". O relato está ambientado nos finais do século XIX na costa entre Vigo e a fronteira portuguesa,"falamos de mar, de mariñeiros e de Panxón".

Os actos culminarán o día das Letras Galegas o 17 de maio na Praza de San Campio da Ramallosa dende as 19 horas cun acto homenaxe ao Poeta Lois Pereiro, e a actuación do grupo de Teatro “A Tropa de Trapo” que escenificará a súa obra “A viaxe das palabras”. O concelleiro Juan González afirmou que"Trátase polo tanto de achegar os libro que falan de Nigrán aos nosos veciños así como de achegar a literatura a todos os cidadáns, pretendemos que en Nigrán todos os días sexan días de letras galegas".