Antón Riveiro Coello presentará “Os elefantes de Sokúrov” na libraría Libraida de Gondomar.

Imprimir
Antón Riveiro Coello

O libro gañador do Premio Fervenzas Literarias 2015 ao Mellor Libro de Narrativa será presentado polo autor na Libraría Libraida. Contará cunha introdución a cargo do historiador Carlos Méixome Quinteiro. O acto celebrarase este xoves, 11 de febreiro ás 20:30 na libraría. Ao finalizar, o escritor asinará exemplares aos lectores.

Os elefantes de Sokúrov

Na súa nova novela, Antón Riveiro Coello conta a historia de Janis, quen na Compostela de 2012 se enfronta a un difícil presente, o da crise económica, ao tempo que sente a necesidade de coñecer o seu pasado, as razóns dunha existencia da que non albisca futuro.

En Os elefantes de Sokúrov, Riveiro Coello elabora unha trama na que os propios personaxes toman a palabra para relatar unha historia de temas tan diversos coma o amor, o suicidio, a crise económica, a creación, a memoria, as artes e a solidariedade.

Estamos no Nadal de 2012. Janis, con trinta anos e un expediente académico exemplar, agarda por unha convocatoria para as oposicións ao ensino. Mentres, fai crítica de cine e coida de anciás nun andar de Santiago. Almorza todas as mañás nunha cafetería da zona vella, onde un descoñecido escribe e le sen acougo. Janis adoita observalo e queda engaiolada pola súa presenza ata que un día el desaparece. A partir dese acontecemento en aparencia nimio, a protagonista da novela vai iniciar unha pescuda que a ha levar á súa infancia, á mocidade dos seus pais, a dos movementos xuvenís e as arelas de cambiar o mundo, e ao cabo, á descuberta dun enigma que, sen que Janis o saiba, ha marcar a súa vida.

A través das historias dos seus personaxes, Riveiro Coello consegue vencellar pasado e presente, unindo inextricablemente a recuperación da memoria coa busca do senso da vida. Moi poucos novelistas conseguen transformar temas de actualidade coma os problemas da vellez, os desafiuzamentos, o traballo precario da mocidade e a pobreza nas rúas nun relato sobre o esencial da vida humana. Riveiro Coello é quen de o facer ao incrementar a capacidade de atracción das reviravoltas dunha trama coidada en todos os seus pormenores, co engado duns personaxes trazados de maneira vívida e cuns recursos literarios nos que a metáfora e o símbolo están ao servizo da narración. Os elefantes de Sokúrov é unha gran novela sobre o presente porque, desde o actual, nos fai concibir o tempo todo como un senso que libera.

O autor

Antón Riveiro Coello naceu en Xinzo de Limia (1964). É un dos escritores máis premiados e prestixiosos dos xurdidos nos últimos anos na literatura galega. Logrou, que obras como As rulas de Bakunin e Laura no deserto figuren nun lugar privilexiado das grandes novelas da literatura galega.