Fin de semana de teatro en Gondomar

Imprimir
feirantes1

- O sábado 18 ás 22.00 horas, Artestudio Teatro representará a comedia 'Feirantes'

-O domingo 19, será a quenda da compañía Fulano, Mengano e Citano con 'Top Manta' ás 18.00 horas

-O prezo da entrada será de 3,50 euros

A Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar, que dirixe Ignacio Troncoso, organiza para os días 18 e 19 de maio un fin de semana de teatro no Auditorio Lois Tobío.

O sábado 18 de maio, ás 22.00 horas, terá lugar a representación da comedia 'Feirantes', a cargo da compañía Artestudio Teatro.

En 'Feirantes' mestúranse dúas épocas, dous momentos diferentes no tempo. O pasado e o presente no que encontramos dous feirantes, dous titiriteiros condenados a viaxar no tempo, a reaparecer en calquera feira, en calquera momento para volver representar o seu repertorio musical e de historias vividas ao longo das súas actuacións polas feiras galegas. Previstos dunha gaita e dun tambor e escaso aparato teatral, como corresponde á súa condición, os dous van recordando as súas andanzas, creando unha relación de necesidade con ese ser anónimo que permanece na sala, o público.

O domingo 19 será a quenda para a compañía Fulano, Mengano e Citano que levarán ao auditorio a obra 'Top Manta', ás 18.00 horas.

'Top Manta' caracterízase por estar composta por unha serie de sketches onde se tratan todo tipo de temas "algúns con moita brasa, outros máis delicados e tamén os máis heavies do momento". Un espectáculo cheo de humor para espectadores intelixentes.

O prezo das entradas, para ambas as dúas obras, será de 3,50 euros.