A parroquia de Parada celebra o próximo sábado o seu " IV Enterro do Kiko".

Imprimir
kiko

-A actividade terá lugar este sábado 16 de febreiro a partir das 16:30 horas con xogos para nenos, agasallos sorpresa e reparto gratuíto de orellas e filloas.

-Ás 19 horas comezará o Enterro do Kiko no que participará o Grupo de Gaitas A Merced de Chaín.

Dende o ano 2008 a parroquia de Parada celebra o "Enterro do Kiko", unha festa alternativa ao tradicional Enterro da Sardiña, que toma como protagonista a un personaxe xurdido da vida cotiá da zona. "Para diferenciarnos doutros sitios nos que enterran a sardiña para rematar o Entroido, decidimos adoptar como símbolo, o Kiko,-comenta Beatriz Fernández membro da organización- porque en todas as casas da parroquia hai quicos, unha ave da familia das galiñas, pero máis pequena", salienta.

Agrega Beatriz que ademais o Kiko representa o centro cultural da parroquia. Para darlle máis xeito, tamén mudaron a súa grafía "e escribímolo con dúas K".

A posta en marcha da celebración conta coa participación da Asociación de Veciños "O Outeiro" de Parada, o Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, a Comisión de Festas Santiago e Santa Ana 2012/2013 e a Comunidade de Montes en Man Común de Parada.

"En primeiro lugar, velarémolo e despois acompañarémolo en procesión", comenta Beatriz. "De seguido procederemos á lectura do pregón e a súa incineración. Durante todo este proceso, acompañaranos o Grupo de Gaitas A Merced de Chaín".

Todos estes actos contan coa colaboración do Concello de Nigrán, a Pirotecnia Argimiro Albores e Espectáculos Bouza. O enterro do Kiko comezou a celebrarse no ano 2008. O ano pasado non se celebrou, pero dende as entidades organizadoras propuxéronse recuperar a festa, "porque xa forma parte da nosa identidade como parroquia. Durante todo este último mes, estivemos a elaborar a figura do Kiko", agrega Beatriz Fernández.