As pedras orixinais da Virxe da Rocha extraídas na restauración ficarán xunto á placa que lembra a Luis Calleja . #Baiona

Imprimir
calleja

Empresario do Teatro Real de Madrid e político madrileño, pasaba a tempada de veraneo en Baiona. En 1911 organizou un concerto a prol de fondos para a construción da Virxe da Rocha, ao que asistira a raíña Victoria e parte da familia real. Lémbrase na vila o seu compromiso coa promoción da vila como centro turístico e a súa implicación en diversos actos de solidariedade cos máis necesitados. Esta mañá o alcalde de Baiona xunto con descendentes do homenaxeado colocaron unha placa co seu nome na glorieta que se sitúa nas rúas Tomás Mirambel e a estrada de suba á Virxe da Rocha, que leva o seu nome.

Dende o Concello lémbrase que Calleja iniciou a actividade estival do pobo, foi o seu protector e tivo unha influencia decisiva en que se construíse o famoso monumento pétreo. En contacto permanente coas súas amizades baionesas, sempre se implicou nas necesidades da localidade. Foi organizador de varios eventos solidarios para axudar aos máis desfavorecidos do lugar

A glorieta, que se sitúa nas rúas Tomás Mirambel e a estrada de suba á Virxe da Rocha, convértese nun símbolo de gratitude e respecto ao ilustre veraneante, personaxe que contribuíu ao coñecemento da vila de Baiona máis alá das súas fronteiras e principal promotor da estatua da Virxe da Rocha

Esta mañá, o acto estivo presidido polo alcalde, Jesús Vázquez Alumíña, e Enrique Fernándes de Córdoba e Calleja, sobriño-neto do homenaxeado, inauguraron a glorieta "Luis Calleja".

No acto procedeuse ao descubrimento dunha placa co nome do homenaxeado que correu a cargo do rexedor baionés e o familiar de Calleja. Acompañando á placa da rotonda o Concello colocou as pedras orixinais da Virxe da Rocha que foron extraídas da estatua durante a súa restauración. Deste modo as rochas mostran o camiño indicativo ao monumento baionés, promovido con forte entusiasmo por Luis Calleja.

En recoñecemento do moito que fixera por Baiona, o Concello acordou por maioría absoluta restituír a memoria do ilustre veraneante.

Xa en 1910, o Concello, sendo alcalde D. Francisco Blanco González, recoñeceu o eficaz labor que Calleja realizou por Baiona pois acordou por unanimidade bautizar co seu nome o paseo que conducía ao monte onde se proxectaba construír o monumento da Virxe da Rocha. En 1982, acórdase no pleno, cambiar o nome do paseo Luis Calleja pola Avenida Joselín.

O empresario, puxo a disposición o Teatro Real de Madrid para que a obra lírica titulada "A Virxe da Rocha" se estrease na capital. Co obxectivo de recadar fondos para que se destinasen á construción do monumento prepárase a función benéfica. A noticia do festival tivo unha excelente acollida entre a sociedade madrileña e especialmente sobre a colonia galega residente na capital, polo que o abafador número de solicitudes de localidades desbordou a Xunta organizadora. O festival levouse a cabo a tarde do xoves 9 de febreiro de 1911, e acudiu unha significativa representación da familia Real, a Raíña Victoria (como patrocinadora deste), a Raíña Nai María Cristina e os Infantes. A función tivo un importante éxito, tanto artístico coma económico, xa que o día da representación estaban esgotadas todas as localidades do teatro. Os ingresos obtidos serviron para dar un grande impulso ás obras do monumento baionés.

Luis Calleja Fernández naceu en Burgos. A súa actividade profesional desenvolveuse como empresario do Teatro Real de Madrid, entre 1907 e 1913, e como encadernador, sendo este tipo de empresas moi escasa en España no primeiro terzo do século XX.

Era fillo de Fernando Calleja, fundador da editorial Calleja (especializada en contos infantís, que o acervo popular aínda recorda ao referirse a "os contos de Calleja"). Nos últimos anos da súa vida, foi elixido deputado provincial por Burgos en 1916 e elixido senador por esta provincia dende 1916 ao 1918. Aínda sendo burgalés, Calleja se sentía baionés e estaba moi ligado á vila, onde pasaba intensos períodos de verán. Pertencía ao grupo da chamada colonia estival, cenáculo de personalidades que acudía a gozar do período estival no municipio, entre un longo elenco no que se encontraban D. Santiago Ramón y Cajal, Dña. Mercedes de la Escalera, D. Luís Romea, D. Manuel María, a Excelente Marquesa do Pazo de la Merced, D. Julián Calleja, D. Laureano Salgado e El Marqués de Quintanar entre outros.