Venres, 6 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona #Baiona : Vivendas sociais de As Escubichas atrapadas nun plan urbano con taxas para vivendas de luxo.

#Baiona : Vivendas sociais de As Escubichas atrapadas nun plan urbano con taxas para vivendas de luxo.

Correo-e Imprimir PDF
PSOE as escubichas

"Nos próximos días podemos asistir en Baiona á incomprensible paradoxa social onde 24 vivendas sociais en As Escubichas terán que afrontar o 10% do gasto do axardinamento dunha urbanización de luxo con máis de 200 chalés", denuncia o concelleiro Rafael Lores (PSOE).

Engade que esta situación "evidentemente contraditoria está pendente da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local dos estatutos da Entidade Urbanística de Conservación, na que se inclúe ás vivendas sociais na mesma estrutura que as distintas urbanizacións de luxo que están situadas na zona residencial de Ponte Romano"
Informa que co obxectivo de recoller información, os parlamentarios socialistas, Abel Losada e Manuel Gallego, xunto cos concelleiros e concelleiras socialistas de Baiona, reuníronse cos veciños e veciñas afectados e anunciaron iniciativas tanto no Parlamento Galego coma no Pleno do Concello de Baiona, para tratar impedir "que se consume semellante inxustiza".

A debate no parlamento

En filas parlamentarias os socialistas denuncian nun escrito ante a Xunta de Galicia que "Tratar igual aos desiguais, sempre supón unha inxustiza; e o caso que nos ocupa, o da comunidade veciñal de vivendas sociais do Plan parcial As Escubichas – Sabarís – Baiona, é un claro exemplo destas situacións".

Reiteran que os habitantes das 24 vivendas sociais deste Plan parcial téñense visto afectados por unha sucesión de problemas administrativos e políticos, "dos que non son en absoluto responsables, que os teñen conducido a ter que afrontar os gastos comúns conxuntamente con urbanizacións de luxo de vivendas unifamiliares, que forman parte do mesmo Plan parcial".

Advirten que que os veciños e veciñas destas vivendas "témonos manifestado que non é de recibo que unas vivendas de protección social formen parte dunha comunidade de vivendas unifamiliares de luxo cunha gran cantidade de superficie axardinada e gastos de mantemento moi elevados; que pura e simplemente non poden nin deben asumir. Ademais eles consideran que non son propietarios dos terreos sen edificar das parcelas, polo que no deberían de ter que cubrir gastos de mantemento".

Para o Grupo Parlamentario Socialista é fundamental atender a solicitude destes veciños de segregar a Comunidade Veciñal de vivendas sociais das urbanizacións de luxo próximas, "especialmente nun contexto de crise como o actual en que os niveis de ingresos teñen diminuído moito, especialmente nas rendas medias e baixas".

Denuncian que "non é política e socialmente aceptable que as dúas administracións concernidas, a Xunta de Galicia e o Concello de Baiona, se pasen a pelota, non tomen decisións racionais, e permitan que a veciñanza destas vivendas sociais teñan que afrontar uns gastos, incluídos atrasos, inxustos e desproporcionados para os seus ingresos".

Finalmente o grupo parlamentario do PSOE realizou unha serie de consultas ante a Xunta co fin que ésta asuma protagosnimo na solución do conflito ante a pasividade do concello.