Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Iago Pereira (BNG): “O Concello de Baiona non é máis que un órgano administrativo sen alma”.

Iago Pereira (BNG): “O Concello de Baiona non é máis que un órgano administrativo sen alma”.

Correo-e Imprimir PDF
Iago

O actual concelleiro Iago Pereira será o candidato á alcaldía de Baiona polo BNG por decisión da súa asemblea local. “Contrariamente ao Partido Popular e ao señor Almuíña (alcalde de Baiona), nós consideramos que a política ten que ter contido ideolóxico, co fin de dar cumprida solución aos problemas de baioneses e baionesas”, apuntaba trala elección.

O edil nacionalista reflexiona que aínda que “a xente está  a pasalo mal”, non vén ás administracións públicas “como unha axuda”. Pola contraria, entende que hai “desafección” na cidadanía baionesa por mor  das políticas desenvolvidas polo rexedor Vázquez Almuíña. A quen acusa de ter convertido ao Concello de Baiona nun “órgano administrativo sen alma que executa os orzamentos sen aspirar a nada”.

Candidato por resolución unánime do BNG – Baiona, Iago Pereira salienta: “Agora tócanos non só facer ver que o BNG é a alternativa ás políticas do Partido Popular, senón que tamén temos que loitar por recuperar a ilusión pola política en si mesma”. Engade que esta candidatura “é fiel reflexo do proceso de renovación e revolución que está a vivir o BNG”.

Iago Pereira será acompañado como número dous por Xosé Manuel Marcote. A elección foi ratificada tanto no Consello Local como no Comarcal como paso previo para que o Consello Nacional  do BNG que se celebrará o vindeiro sábado 7de febreiro proceda á súa aprobación definitiva.

Por outra banda, o Bloque Nacionalista Galego inicia esta semana e todos os luns asembleas abertas no Hotel Tres Carabelas, a partires das 20.30 horas.  Nelas terán lugar os traballos para a confección definitiva do programa electoral “e pechar definitivamente a candidatura, que se presentará entre os meses de febreiro e marzo”, sinala a agrupación.