Mércores, 8 Apr. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Baiona Un niño de avespa asiática ameaza catro casas na Medialdea de Belesar.

Un niño de avespa asiática ameaza catro casas na Medialdea de Belesar.

Correo-e Imprimir PDF
avespa1

Un novo niño de avespa asiática ou velutina,  foi localizado nunha nogueira, preto do camiño Costa do Xenio no lugar da Medialdea en Belesar. O achado, de entre 40-50 cm de diámetro, foi comunicado ás autoridades do SEPRONA.  Segundo manifestaron os veciños a VM.info, de momento non se rexistraron incidentes nin danos a persoas, mais hai preocupación porque  as avespas atópanse preto dun conxunto de catro casas. De feito, un dos veciños consultados afirmou ter repelidos catro intentos de facer niños no tellado da súa casa, derrubándoos cunha máquina de auga a presión.

 Xunta afirma que está a combater con éxito a avespa asiática

Dende Medio Rural subliñan que "afecta ás avespas autóctonas e ao medio ambiente polos grandes niños que constrúe, non obstante a día de hoxe a Consellería do Medio Rural e do Mar non ten constancia de perdas nas colmeas dos apicultores galegos como consecuencia da avespa velutina".

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, vén de manter unha xuntanza con representantes da Asociación Galega de Apicultores (AGA) co obxectivo de informarlles sobre as medidas que se están desenvolvendo fronte á avespa velutina ou asiática e os resultados que se están a obter.

A directora xeral explicou que o protocolo se está a desenvolver con éxito, lanzou unha mensaxe de tranquilidade á opinión pública e incidiu en que esta especie, tamén coñecida como avespa asasina, non ten efectos nocivos para a saúde pública, máis aló dos que teñen as avespas comúns.

"Non hai constancia de que os apicultores galegos tivesen perdas pola vespa velutina"

Patricia Ulloa explicou que a velutina afecta ás avespas autóctonas e ao medio ambiente polos grandes niños que constrúe. Non obstante informou de que a día de hoxe a Consellería do Medio Rural e do Mar non ten constancia de que ningún apicultor galego tivese perdas nas súas colmeas como consecuencia da vespa velutina. De feito, sinalou, o obxectivo do protocolo de actuación é evitar que esta especie, catalogada na relación existente de especies invasoras e que procede de Asia, afecte as avespas autóctonas.

 En canto ao protocolo, Patricia Ulloa explicou que está coordinado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, que traballa xunto coa Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas e a dirección xeral de Emerxencias e Interior. Nel tamén intervén personal dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, de protección civil e os bombeiros de cada concello. Ademais engadiu que a administración está en contacto co sector apicultor a través das asociacións de apicultores.

Case 3.000 avespas asiáticas foron capturadas con trampas en Galicia

Estas unidades póñense en marcha no momento en que hai un aviso chamando ao 112 de que pode existir un niño da avespa velutina. Neste sentido, a directora xeral aclarou que non todos os avisos de avespa velutina resultan na retirada de niños, xa que hai unha serie de avisos que non se corresponden con niños desta especie. De feito, destacou, a día de hoxe hai 270 avisos e 139 niños de  avespa velutina retirados, porque non todos responden a esta especie.

 Ademais o protocolo tamén inclúe a colocación de trampas para captar exemplares de avespa velutina co obxectivo de que non afecten ás avespas autóctonas. Neste sentido, a directora xeral sinalou que grazas á aplicación do protocolo, a día de hoxe capturáronse case 3.000 exemplares de avespa velutina. Ademais o protocolo contempla cursos de formación e accións divulgativas.

Coa colaboración de Galicia Confidencial