Mércores, 6 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona O BNG denuncia que o alcalde de Baiona borra a solidariedade internacional dos gastos do Concello.

O BNG denuncia que o alcalde de Baiona borra a solidariedade internacional dos gastos do Concello.

Correo-e Imprimir PDF

Vázquez Almuíña solicitou a baixa do Concello do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade “para aforrar 2000 € anuais”, denuncian os nacionalistas. Nembargante, días atrás gastou 16.000€ “nun xantar con xubilados que non ten máis fin que o de fidelizar o voto”, protesta o voceiro do BNG, Xosé Manoel Marcote.

O BNG denuncia que a decisión foi tomada de xeito unilateral polo alcalde de Baiona, “sen sometelo nin tan sequera a consideración do Pleno Municipal e incumprindo o acordo previo ao respecto”. Nese senso, opina que a medida viola un acordo plenario que se ven cumprindo desde o ano 1996, sendo alcalde Manuel Vilar, cando a corporación aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Baiona ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. No mesmo comprometíase a dotar unha achega anual o 0,7% do orzamento ordinario, para fins solidarios no mundo, segundo o recomendado polas Nacións Unidas.

Para os nacionalistas, o alcalde de Baiona non só incumpre unilateralmente un acordo plenario senón  que demostra “unha total falta de sensibilidade ante as necesidades máis básicas dos sectores menos favorecidos”.  Nese senso engaden que o argumento expresado “da situación económica actual” non é máis que unha “burda escusa, toda vez que os orzamentos municipais non sufriron unha drástica diminución”.

A agrupación nacionalista lembra que cos cartos destinados ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade foi posible contribuír a proxectos como as axudas ás vítimas do terremoto de Haití, ás dos furacáns en Perú e Cuba, os campos de refuxiados en Siria e Palestina, as campañas alimentarias para o pobo saharaui, así como a instrumentación de campañas contra o traballo infantil.