Multitudinaria marcha en defensa do cabalo ceibe e contra o microchip percorre Baiona.

Imprimir
non_ao_microchip

Unha multitude de persoas a pé e a cabalo manifestouse en Baiona en contra da obrigatoriedade da colocación dun microchip aos cabalos ceibes do monte. Un manifesto lido pola Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba reclamou á Xunta de Galicia a aplicación da excepción da normativa europea que habilita a manter as marcas e rexistros tradicionais nos casos de animais que viven en condición salvaxe. A marcha partiu sobre o medio día deste mércores 12 de outubro dende o Camping da Ladeira ata a Virxe da Rocha, pasando pola fronte marítima de Baiona.

CABALOS CEIBES SI, MICROCHIP NON

Baixo o lema Cabalos Ceibes si, microchip non, os manifestantes manifestaron que non cesará na loita por derrogar a norma que obriga á colocación do microchip. Propuxeron a creación dun Rexistro de Asociacións de Propietarios de Cabalos Ceibes do monte galego , e un Regulamento que acolla os usos tradicionais e as marcas, ademais do mantemento das axudas “para que non se extinga.”

Os convocantes salientaron que “ As autoridades competentes que teñen que velar para que isto non suceda, a Xunta de Galicia, agóchanse en escusas e falsas directrices legais que o que verdadeiramente pereiguen e todo o contrario, pornos atrancos aos que aguantamos rexamente, como dicía o poeta Celso Emilio Ferreiro, mentiras e inxustizas de cotío”. Por outra banda acusaron á administración autonómica perseguir “outros propósitos ocultos que non defenden os verdadeiros intereses dos que queremos ver nos nosos montes os cabalos ceibes e seguir levando adiante, como o fixeron os nosos devanceiros, una tradición moi nosa, do pobo e da cultura galega, da que nos sentimos orgullosos e que queremos legar aos nosos fillos e netos, non só como un deber, se non que tamén como una obriga moral de defender o que é de todos e do que non queremos que ninguén se apropie ou deixe morrer , silandeiramente argallando decretos e leis que van contra o sentido común.”